España sitúase á cola en materia de Wi-Fi económico nos aeroportos

martes, 26 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

Semella que as cousas non están precisamente doadas para todas aquelas persoas que andan á procura de accesos sen fíos á Rede nos aeroportos españois. Pola información que anda estes días pola Internet, a situación está máis complicada que atopar un treito da nosa costa sen aplicación vindeira de cemento. A situación, lonxe de mudar, semella ter trazas de perpetuarse, e todo iso malia os estudos que certifican a desesperación do viaxeiro medio á busca dun hotspot, como por exemplo o que veñen de presentar HP e American airlines encamiñado a amosar que seríamos quen de vender a merenda por un pouco de rede: segundo esta investigación, o 47% dos usuarios dos aeroportos prefiren ter Wi-Fi á propia comida do emprazamento (o 15%). Así as cousas, é a situación dos viaxeiros españois ou que recalan en España mellor cós do resto? Non parece que así sexa, e así nolo recorda Norberto Rodríguez en Notishow: hoxe en día é máis doado ter unha conexión de balde a Internet nun aeroporto de Ucraína ou Estonia ca nun español.
E todo isto, malia estar o país, supostamente, un pouco por diante en materia de redes e afianzamento nas mesmas.
Por certo que listaxe non remata nos dous devanditos: segue con países como Kuwait, Kosovo, Israel, República Checa, Canadá, Honduras, Exipto, Ecuador ou Austria, todos eles ofrecendo acceso sen fíos gratuítos nalgunha das súas terminais.
E logo tamén hai casos como o de Grecia, que no seu aeroporto de Atenas pon en xogo unha solución intermedia que, tendo en conta a táctica española de cobrar ben por algo canto máis se precisa, case semella ciencia ficción: na terminal grega achegan acceso de balde durante os primeiros 45 minutos, sendo preciso abonar o prezo a partir de aí. Arestora, o normal é que os pasaxeiros que estean en tránsito por España teñan só unha posibilidade de estar en liña: a través de tarxetas prepago ou tirando partido da tarxeta de crédito por un prezo que ten de todo menos económico: vai dos 5 aos 15 euros, por dez minutos ou unha hora.
Na imaxe, conexión en aeroporto vista no caderno de Cathycracks no Flickr.

PUBLICIDADE