Esgótanse as primeiras remesas de Apple Watch

luns, 13 de abril do 2015 Marcus Fernández

O pasado venres o Apple Watch chegou ás tendas dun número limitado de países para que os consumidores puidesen probar o reloxo para decidir así o modelo que reservarían, dando a impresión de que finalmente o lanzamento oficial do reloxo o vindeiro día 24 vai quedar nunha data para esquecer, xa que dificilmente se poderán ver grandes colas para mercar o Apple Watch, xa que o número de unidades dispoñible en tal data parece que será moi reducido, e xa se terían esgotado boa parte das remesas iniciais do produto.
O propio Tim Cook, director xeral de Apple, visitou a Apple Store de Palo Alto para ver como o público reaccionaba ante o novo Apple Watch, asegurando aos medios que a resposta mundial ante o novo produto estaba a ser moi boa, así como os pedidos, e, de feito, na tenda en liña norteamericana de Apple tardaron só 6 horas para que case todos os modelos de Apple Watch pasasen a presentar unha data de entrega de entre 4 e 6 semanas, ou sexa, que xa non estarían dispoñibles o día de lanzamento, mentres que no Xapón había modelos do reloxo que presentaban datas de entrega de até 6 meses, dando a entender que estamos ante un accesorio que é todo un éxito pese a que o público aínda non sabe cal é a súa utilidade real.
Dende Apple xa confirmaron que o día 24 non será posible mercar o Apple Watch directamente en tenda, sendo preciso ter realizado unha reserva en liña anteriormente, o que parece atender a simples limitacións de stock, xa que só o pasado venres xa poderían ter reservado 957.000 Apple Watch, dos que o 62% dos compradores optarían polo modelo deportivo (o máis barato); e se collemos toda a fin de semana poderiamos estar a falar de 2 millóns de reloxos vendidos, o que é un volume moi importante para un produto tan novo e que os consumidores apenas tiveron a oportunidade de ver en funcionamento.
Queda por ver se esta grande acollida inicial provoca que a chegada do Apple Watch ao mercado español tarde aínda meses en producirse.

PUBLICIDADE