Escolasinfantis.net rexistrou preto de 195.000 visitas en 2010

venres, 7 de xaneiro do 2011 Redacción

O portal da Rede de Escolas Infantís de Galicia rexistrou 194.962 visitas durante o pasado 2010, cunha media que superou as 800 diarias por xornada laborable, segundo os datos estatísticos da Universidade de Vigo. Os usuarios dedicaron un promedio de cinco minutos a coñecer os contidos desta web.
Na súa maioría (un 73%) os visitantes contabilizados eran usuarios habituais do portal, feito que mostra un destacado grao de consolidación do servizo entre a cidadanía. Só algo máis dun 26% eran novos visitantes. No conxunto do ano servíronse 51,4 millóns de páxinas, o que equivale a oito páxinas diferentes consultadas en cada visita.
O número máis elevado de usuarios concentrouse na comunidade galega, sobre todo nas sete cidades. Maio foi o mes do ano no que se produciu o maior número de visitas, cun total de 23.189.
En concreto, moitas delas rexistráronse entre os días 3 e 5 de maio, a raíz da publicación das listas de persoas admitidas nas escolas infantís do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Así, o portal tense convertido nun referente en canto a información sobre as escolas públicas de cero a tres anos.
Entre xaneiro e decembro deste ano, un equipo encargouse de supervisar e manter o portal, así como de actualizar os seus contidos coa publicación de novas de interese, documentos, normativas, eventos e avisos da Administración.
Así, na web recolléronse 270 novas de diversa índole, desde as vinculadas a nova documentación até as relacionadas con actividades de interese celebradas nos centros ou alertas por temporal, entre outras. Estas pezas informativas acompañáronse de fotografías e das coordenadas GPS das escolas dependentes do Consorcio para a súa localización.
Por outra banda, o portal de formación segue a empregarse para a xestión administrativa dos cursos, co fin de canalizar as inscricións e preinscricións dos profesionais; a entrega de diplomas e a consulta de información xenérica de cada unha das actividades organizadas.
O total dos usuarios rexistrados neste apartado de formación ascendeu este ano a 2.012.
O sistema de blogs do portal da Rede de Escolas Infantís é a ferramenta que esperta o maior interese entre as persoas usuarias desde as perspectivas pedagóxica e de implicación de nais e pais na vida diaria dos seus cativos nos centros. As familias e educadores teñen a posibilidade de crear as súas propias bitácoras.
Deste xeito, o portal conta cun total de 293 blogs, dos que o 63% é de carácter persoal e o 37% dos propios centros. O portal permite acceder ás bitácoras de dúas asociacións de nais e pais (ANPA), Vite (Santiago de Compostela) e A Laracha, por petición expresa das ANPA.
O sistema de blogs ten, así, almacenadas máis de 7.800 anotacións; case 480 páxinas; preto de 4.800 comentarios e de 48.300 fotografías; máis dun milleiro de vídeos e dun cento de arquivos de audio e un número superior ás 963 presentacións multimedia. En suma, o servidor soporta na actualidade máis de 40 Gb de información.

PUBLICIDADE