Escolas Abertas anuncia novos cursos de teleformación para emigrantes galegos

venres, 19 de decembro do 2008 Raquel Noya

O vindeiro luns día 22, ademais de ter lugar o agardado sorteo de lotería de Nadal que fará posible que algúns afortunados poidan vivir as festas máis inesquecibles das súas vidas, tamén darán comezo os cursos 2008 de Escolas Abertas na modalidade de Teleformación que organiza a Secretaría Xeral de Emigración e que instruirán a un total de 182 alumnos de 13 países diferentes.
Os cursos están destinados aos cidadáns galegos que residen no estranxeiro e aos seus descendentes con residencia legal en Galicia, e forman aos asistentes en materia de novas tecnoloxías, deseño gráfico e ferramentas de procesamento de texto, entre outras cousas.
Esta formación en liña, vén de ser definida polos seus responsables como “unha ferramenta esencial para a participación da cidadanía galega no exterior da vida social e cultural de Galicia” e neste caso é unha actividade moi útil para a formación e especialización dos nosos emigrantes.

PUBLICIDADE