Escolares de Brión e Sigüeiro recibiron a Papá Noel por videoconferencia

martes, 14 de decembro do 2010 Raquel Noya

A chegada dos regalos de Nadal soe ser unha das máis duras esperas do ano para os cativos e cativas de todo o país, posto que xa dende setembro se van facendo unha idea dos xoguetes que lles van pedir aos seus ídolos máis “adiñeirados”: Papá Noel e os Reis Magos.
Porén para adiantar un pouco esta espera e facer máis doce e levadeira a tardanza de Papá Noel, varios concellos galegos veñen de levar a cabo unha videoconferencia con Laponia na que os nenos e nenas lle fixeron directamente as súas peticións ao vello Santa Claus.
Por exemplo, un total de 63 nenos e nenas, de idades comprendidas entre os 3 e os 5 anos, do CEIP de Pedrouzos, en Brión, xa tiveron ocasión de pedirlles os seus xoguetes a Papá Noel, nunha videoconferencia celebrada no telecentro da vila.
Esta iniciativa, posta en marcha polos concellos de Brión e de Oroso, foi posible grazas á coordinación dos seus telecentros, de maneira que poideron participar moitos máis cativos dos que poderían facelo unicamente coa quenda organizada dende a Rede de Telecentros de Comunicación para toda Galicia.
Os pequenos, guiados polos seus mestres, acudiron ao telecentro brionés en autobús e en tres quendas duns trinta rapaces cada unha. Durante aproximadamente media hora, puideron falar con Papá Noel e pedirlle os agasallos que desexaban para este Nadal.
Segundo indican dende a entidade pública, “este ano estiveron menos falangueiros ca o ano pasado e, como regla xeral, non pediron máis dun ou dous regalos”. “A Barbie e as Supernenas foron”, segundo engaden, “os xoguetes máis demandados polas nenas, mentres que os rapaces decantáronse polos Gormitti e os Bakugan, aínda que moitos pequenos tiraron tamén por agasallos tradicionais como os tragabolas, os coches e os peluches”.
A xornada transcurriu sen incidencias, salvo unha pequena chorada dun cativo que se asustou cando o resto dos seus compañeiros berraron para chamar por Papá Noel xa que, como o propio Papá Noel admitiu, “xa vou velliño e non estou ben do oído”. Ao rematar, os rapaces recibiron unhas lambonadas de agasallo.
Mañá mércores 15 de decembro será o turno para outros 30 cativos das escolas unitarias de Luaña (7) e Os Ánxeles (23). A última cita con Papá Noel será o vindeiro venres 17 de decembro, na que estarán presentes un total de 68 cativos da gardería municipal (40) e da escola unitaria de Bastavales (28). Así, un total de 161 cativos poderán falar con Papá Noel grazas a esta iniciativa dos telecentros de Brión e de Oroso.
Asemade, Brión emitirá tamén sendas videoconferencias para que os cativos de Oroso poidan falar con Papá Noel. Estas sesións terán lugar mañá mércores 15 de decembro no teleclube de Sigüeiro (de 12:00 a 13:00 horas) e o mércores 22 de decembro.

PUBLICIDADE