Escoitar.org vaise a México a reivindicar o valor do acústico

mércores, 2 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

O colectivo Escoitar.org, do que temos falado , para informar das novidades relativas ao seu portal (un espazo que nos resume e nos preserva a través da nosa pegada acústica), viaxará a México para participar activamente na Semana do Son da Fonoteca Nacional. A expedición galega será facilmente identificable no dito país, sobre todo grazas ao Macrófono, un aparello argallado polo colectivo e que fai as veces de símbolo do seu traballo á par que lles é útil nos seus rexistros sonoros. Máis polo miúdo, estariamos a falar da segunda viaxe do aparello alén da nosa terra, xa que hai pouco estivo en Roma para gravar, entre outras cousas, os sons da Fontana de Trevi.
O Macrófono, trebello inchable de sete metros de lonxitude e 23 quilos de peso, axúdalles aos integrantes de Escoitar.org a pór en valor un xeito de percibir a nosa contorna á que por desgraza só lle prestamos atención cando hai un exceso de límites, sempre nas cidades e case sempre da man de motos, buguinas e demais.
Así, que do que se trata é de reivindicar o valor do acústico, ás veces máis definidor dun espazo xeográfico propio que calquera outra canle ou rexistro. En definitiva, preténdese a defensa de todo o que significa o termo escoitar, non só o simple feito de recibir nos nosos ouvidos. Escoitar.org, que está liderado por Chiu Longina, ten xa 1.900 sons galegos rexistrados, moitos dos cales, senón todos, xa están ao noso alcance na web.

PUBLICIDADE