Eroski e Vegalsa incluirán o galego nos seus produtos de telefonía móbil

mércores, 30 de xaneiro do 2008 Fernando Sarasketa

Eroski, que xa está concorrendo no mercado das operadoras de telefonía móbil (e a prezos competitivos), vén de dar un novo paso na súa liña de respecto polas linguas oficiais do Estado. E faino asinando un acordo con Vegalsa (do Grupo Eroski) e a Consellería de Innovación para promover o emprego do galego na telefonía móbil. No acto de sinatura do acordo, celebrado este mércores pola mañá, especificouse a natureza do compromiso da empresa vasca pola nosa lingua, compromiso que irá collendo corpo de xeito progresivo ó longo do período de vixencia do convenio, até o 31 de decembro de 2008.
Máis polo miúdo, a iniciativa achega a inclusión do galego como opción idiomática nos menús e aplicacións dos terminais que comercialicen as devanditas marcas (punto que se fará efectivo nos pedidos do vindeiro verán e de Nadal e Reis deste ano). Asemade, Eroski e Vegalsa comprométense a levar a cabo campañas cos seus clientes sobre a posibilidade de dispoñer do galego, mesmo achegando a opción de habilitar ou cambiar aparellos que non teñan esta opción por outros que si a teñan. Vegalsa tamén anunciou que posibilitará en toda a súa rede de supermercados de Galiza as recargas de telefonía móbil e a difusión do galego.

PUBLICIDADE