Eric Schmidt considera que Microsoft está fóra de xogo

mércores, 1 de xuño do 2011 Marcus Fernández

O congreso D: All Things Digital en Rancho Palos Verdes (California) destacou especialmente por contar co máximo responsable de Google, Eric Schmidt, atendendo ás preguntas de Kara Swisher e Walt Mossberg.
A entrevista comezou bastante forte, pois Mossberg comentou que tras a vitoria de Microsoft sobre Apple nas plataformas informáticas de escritorio, parece que estamos ante unha nova guerra de plataformas, o que o director xeral de Google comentou que se limitaba a un «grupo de catro» que serían Google, Apple, Amazon e Facebook, polo que a compañía de Redmond quedaría fóra de xogo, nin sequera podendo quedar nunha 5ª ou 6ª posición (que corresponderían a PayPal e Twitter).

Schmidt atendeu ás preguntas de Walt Mossbert e Kara Swisher

Schmidt considera que, pese ao éxito de produtos como a Xbox 360, Microsoft continúa a ser unha compañía centrada nos seus produtos Office e Windows, e non estaría a «conducir a revolución do consumo».
Pero ao preguntarlle polo éxito de Facebook, o director xeral de Google tivo que admitir que fracasaron nas súas distintas iniciativas para crear a súa propia plataforma social, aínda que considera que é imposible que unha única compañía poida trunfar en todos os ámbitos da Internet, á vez que considera moi útil o éxito de Facebook incluso para Google, pois ao poder empregarse tal plataforma como unha identidade en liña, mellora as buscas na Internet, xa que achega máis datos sobre as persoas.
Pero deixando a un lado as opinións sobre os seus competidores, posiblemente sexan máis relevantes os comentarios que fixo Eric Schmidt sobre os cambios que están a ter lugar no sector tecnolóxicos asegurando que «o que estades a ver é a morte da informática como a coñecemos» en referencia aos servizos na nube, que poderían chegar a facer prescindible á informática tradicional.


Demostración de Google Wallet durante o D9
Para por o colofón á participación de Schmidt no D9 realizaron unha presentación do funcionamento de Google Wallet, o servizo de pagamentos electrónicos baseado en tecnoloxía NFC que permite empregar o móbil coma un moedeiro electrónico, e tamén adiantaron que nas vindeiras horas van lanzar Google Offers, un servizo de cupóns de desconto (e recompensas por fidelidade) que rivalizaría con Groupon.

PUBLICIDADE