Eric Schmidt amosou o que podería ser o Nexus S

martes, 16 de novembro do 2010 Marcus Fernández

Os rumores sobre o sucesor do Nexus One van collendo forma, e podiamos considerar que están confirmados tras a intervención o máximo responsable de Google, Eric Schmidt, durante o cumio Web 2.0, onde amosou un terminal que parece ser o Nexus S e que tería conectividade coa operadora norteamericana T-Mobile. Schmidt fala do futuro móbil sen detallar o seu fabricante nin a súa data de lanzamento, aínda que suxerindo que chegará nas vindeira semanas xunto co lanzamento do Android 2.3, alcumado Gingerbread.
Como novidade, Schmidt adiantou que o novo móbil incluirá soporte de dispositivos NFC e etiquetas RFID, o que poderían converter o terminal nun moedeiro electrónico para poder substituír as tarxetas de crédito nun futuro e adiantándose a Apple (pois leva tempo rumoreándose que o futuro iPhone contará con tecnoloxía deste tipo).
Entre as reflexións que fixo Eric Schmidt poderiamos destacar o feito de que trazou unha interesante liña divisoria entre Chrome OS e Android, asegurando que o primeiro estaría orientado ao seu uso co teclado, mentres que o Android está pensado para interfaces táctiles; aínda que a algúns podería decepcionar o feito de que asegurou que o Chrome OS chegará oficialmente dentro de varios meses con ultraportátiles con procesadores de Intel e ARM, polo que a idea de que chegaría antes de rematar o ano parece desbotada.

PUBLICIDADE