Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo (UVigo) colabora na nova edición de Galiciencia

xoves, 20 de abril do 2023 S. P.

Galiciencia, a feira científico-tecnolóxica da nosa mocidade promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) vai contar este ano coa imporante colaboración da Escola de Enxeñaría Aeronáutica da Universidade de Vigo, amosando ás novas e novos investigadores como funcionan os drons e as posibilidades que ofrecen, como se acada a propulsión dos foguetes ou como se desenvolven os minisatélites. Esta 18ª edición da Galiencia vaise celebrar o 10, 11 e 12 de maio coa temática Aeronáutica e Aeroespacial. Na nova convocatoria tamén colaborará o Instituto de Investigación Universitario en Física e Ciencia Aeroespacial, situado (como a Escola de Enxeñaría Aeronáutica) no Campus de Ourense.
A Escola vai aportar varios membros do xurado encargado de elixir os proxectos gañadores desta edición. Ademais, instalará un stand propio no que alumnado do centro amosará aos participantes en Galiciencia como funcionan os drons, a propulsión de foguetes, o desenvolvemento de minisatélites…, ao tempo que se lles facilitará información sobre o que se pode aprender no grao en Enxeñaría Aeroespacial, tendo en conta que se trata dunha industria punteira en España e na que Galicia está a realizar unha aposta moi importante.
Nieves Lorenzo, profesora e secretaria da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da UVigo, ademais de responsábel de Igualdade do centro, salienta que están a traballar moito na incorporación das mulleres ás enxeñarías, a través da promoción, visibilización e posta en valor de referentes femininos no eido STEM. Como resultado, este curso o grao en Enxeñaría Aeroespacial logrou que o 45% do alumnado de primeiro ano sexan mulleres. “En toda España non hai un grao en enxeñaría técnica con estas cifras, están todos por debaixo do 20%”, comenta, engadindo que “o grao de Enxeñaría Aeroespacial é moi interesante xa que forma profesionais capacitados para exercer nun sector emerxente”. Segundo apunta Nieves Lorenzo, a industria aeroespacial ten pouco máis de 100 anos pero “ten impulsado moitas das revolucións tecnolóxicas do século XX, as súas innovacións favorecen ao conxunto da sociedade; só temos que pensar na enorme cantidade de obxectos que na actualidade empregan semicondutores, materiais compostos e moitas outras innovacións desenvoltas principalmente por esta industria, xunto á realización de misións científicas”.
Pola súa parte, o profesor da Escola Higinio González destaca que “o sector aeroespacial permite, por exemplo, a mobilidade intercontinental de persoas e mercancías en tempos reducidos, a observación da Terra desde o espazo para realizar predicións meteorolóxicas, a navegación con dispositivos móbiles, as comunicacións en lugares remotos, a vixilancia de fronteiras ou a realización de operacións complexas de busca e rescate”. Remarca que “a industria aeroespacial, pioneira desde un punto de vista tecnolóxico, é un dos xeradores de PIB máis importantes de Europa e España (6.8% do PIB industrial español en 2020), pero enfróntase a grandes retos que debe superar nos vindeiros anos como a integración de aeronaves tripuladas e non tripuladas no espazo aéreo; a aviación con cero emisións; ou os retos que comporta a explotación comercial do espazo, como o abaratamento dos lanzamentos ou a xestión do lixo espacial, entre outros”.

PUBLICIDADE