Enxalzan no Brunch Emprendedor da Coruña o empuxe do sector tecnolóxico galego

luns, 16 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

O pasado xoves no Club Financeiro Atlántico (A Coruña) celebrouse o encontro Brunch Emprendedor, organizado pola consultora tecnolóxica Ferreira Dapía Tech co obxectivo de expoñer en detalle os retos específicos das firmas galegas para competir: retos que pasan case todos eles, tal e como se fixo saber, pola dixitalización nas súas máis variadas vertentes. Participaron, entre outras, empresas Luckia (centrada nas apostas deportivas online), a cervexeira Hijos de Rivera ou a tecnolóxica Improving Metrics.
A xornada foi o broche final á edición de 2019 de Coffeemprende, un proxecto desenvolvido pola empresa coruñesa de consultoría no que o segundo xoves de cada mes, un empresario galego de éxito tivo a ocasión de compartir almorzo e experiencias cun auditorio formado por mocidade emprendedora. Polas xeiras de Coffeemprende (e polo Brunch deste xoves pasado) pasaron José González Fuentes (presidente de Luckia Gaming Group), Alejandra Mosteiro (fundadora de Extend), Jesús Echarri (fundador e CEO de Improving Metrics), José Luis Teófilo, fundador de Teófilo Comunicación, e Venancio Salcines, presidente da Escola de Finanzas. Todos eles compartiron mesa redonda este xoves con José Antonio Ferreira Dapía, poñendo en común visións sobre o emprendemento galego, os sectores punteiros e os desafíos das nosas empresas para os vindeiros anos.
No plano institucional participaron na xornada Eva Martínez, concelleira de Innovación, Industria e Consumo; e Emilio Lesta Casal, director da área de Innovación, Emprego e Turismo.
Na rolda de intervencións houbo coincidencia á hora de salientar a importancia do emprendemento e a innovación e fomentar na nosa terra un cambio de mentalidade para deixar de penalizar aqueles proxectos e propostas que non cheguen a bo porto. Segundo fixeron saber, emprender e fracasar págase moi caro. González Fuentes puntualizou que noutros países como EE UU “arriscarse e fracasar vese como un logro, mentres que en España o fracaso penalízase”, e culpou ás administracións “da falta de apoio a aqueles que queren emprender”.
Os convidados destacaron o potencial de sectores como o conserveiro, o téxtil ou o motor en Galicia, pero González e Echarri tamén enxalzaron o empuxe das empresas de novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (as TIC). “Agora mesmo estamos en primeira liña en canto a desenvolvemento de tecnoloxías”, sinalou o presidente de Luckia. Pola súa banda, Echarri salientou que o potencial tecnolóxico que atesouramos en Galicia non é un fin en si mesmo, “senón que a meta é servir aos demais sectores”, con todos os beneficios para eles que isto implica.

PUBLICIDADE