Entretiendas.com ofrecerá liquidacións do Centro Comercial Aberto de Ourense

mércores, 19 de xaneiro do 2011 Redacción

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, na presentación da páxina web entretiendas.com

Esta mañá presentouse en Ourense a páxina web Entretiendas.com, unha canle de venda en liña para produtos doutras tempadas a prezos moi vantaxosos para o cliente de ata un 70% de desconto con produtos de máis de 250 establecementos ourensáns de diferentes sectores empresariais, asociados a Ourense Centro, que atopan neste espazo unha nova canle de distribución no que se conxuga a tradición e a innovación solucionando a acumulación de excedentes nos almacéns.
Durante o acto de presentación, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, amosou o compromiso do goberno galego con este proxecto financiado a través de iMit (Iniciativas de Modernización e Innovación Tecnolóxica).
«Sen dúbida este é un proxecto moi interesante e estou seguro que acadará os éxitos que merece. O comercio tradicional ten que renovarse e ser competitivo e as novas tecnoloxías son fundamentais para consegui-lo. Grazas a esta nova páxina web gañan os comerciantes porque se mellora a competitividade dos seus comercios e gañan os usuarios porque teñen acceso a produtos de calidade doutras temporadas a prezos moi ventaxosos», asegurou o Delegado Territorial.
Durante a súa intervención, Rogelio Martínez, explicou que a nova lei permite deseñar «novas liñas de actuacións que contribúen á modernización e ao desenvolvemento integral do sector comercial en Galicia, fomentando a incorporación da innovación e das novas tecnoloxías, mellorando a capacitación profesional e incrementando a competitividade do comercio galego».
Neste sentido, Martínez lembrou que a Consellería de Economía e Industria destinou 3,33 millóns de euros á dinamización de Centros Comerciais Abertos das catro provincias galegas, a través das liñas de axuda específicas enmarcadas dentro do Plan Ágora - Agora re-Comercia, dotado con case 130 millóns de euros.

PUBLICIDADE