Entregan os premios da X edición do certame de curtas animadas Nós tamén creamos!

mércores, 28 de setembro do 2022 Redacción

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participaron hoxe no Pazo de San Roque na entrega dos X Premios a curtas de animación en galego elaboradas no marco do programa de dinamización lingüística Nós tamén creamos!, da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, en colaboración coa CRTVG e OQO editora.
Valentín García felicitou “a todos os nenos e nenas participantes e ao seu profesorado pola gran calidade e resultado dos seus proxectos e o nivel de implicación nunha actividade xerada para impulsar o seu perfil máis creativo desde o audiovisual e a través do uso da nosa lingua”.
No acto tamén interviñeron a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández; a xefa de Comunicación Corporativa e RSC da CRTVG, Marta Fernández, e o responsable da área audiovisual de OQO editora, Borja Guerrero. Ao encontro asistiron 55 alumnos dos centros gañadores e 10 docentes e acompañantes, ás que se sumaron as coordinadoras territoriais dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega. Ao remate, o músico infantil Paco Nogueiras ofreceu un concerto para todas as persoas asistentes.
Nesta edición participaron no programa, 24 centros educativos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, 16 deles no marco do Plan Proxecta. O galardón da categoría 1 (2º ciclo de Infantil) foi para o proxecto Sopa verde, do colexio CEIP Albeiros de Lugo; o da categoría 2 (1º e 2º de Primaria) para O Camiño, do Centro de Educación Especial Miño de Ourense, e o da categoría 3 (3º e 4º de Primaria) para Un conto cheo de lobos, do colexio CEIP Manuel Villar Paramá da Estrada.

Curtametraxes gañadoras

A curta Sopa verde, do CEIP Albeiros, foi creada a partir dun álbum ilustrado de Ángela Madeira con ilustracións de Till Charlier. Amósanos a historia dun coelliño ao que só lle gustaba o verde e rexeitaba os alimentos doutras fermosas cores, ata que o moucho resolve o problema facendo unha sopa moi gorentosa. Un filme en animación 2D co que a cativada se divirte aprendendo hábitos alimentarios, os nomes dos animais e das plantas, os sabores, as cores e os números.

Pola súa banda, O Camiño, creada polo alumnado do CEE Miño, inspírase no conto de Marisa Núñez e Mariona Cabassa e amósanos as marabillas e as dificultades que atopamos ao longo da vida. A verdadeira experiencia está no camiño mesmo, un símbolo da viaxe da vida. Unha curta en 2D cargada do mesmo lirismo da obra na que se inspira.

Baseada na obra homónima do escritor Roberto Aliaga ilustrada por Roger Olmos, Un conto cheo de lobos ten como protagonistas os lobos de todos os contos, que conviven xuntos neste libro e andan polas súas páxinas na procura de comida. Trátase dun labor que require a complicidade e interacción do público, nunha historia que cando remata volve comezar. Un filme moi colorido no que os rapaces e rapazas do CEIP Manuel Villar Paramá empregaron, neste caso, a técnica de animación en 3D.

PUBLICIDADE