Entregados os premios de espírito emprendedor e innovador da Universidade de Vigo
xoves 13 de outubro do 2011, por |

- Os gañadores, a ambos lados do reitor, xunto con director da Área de Emprego e o vicerreitor de Transferencia
A Universidade de Vigo entregou
este luns a primeira edición do seu Premio
Espírito Emprendedor Universitario, un galardón convocado pola institución
educativa ombro con ombro do Ministerio de Educación e co obxectivo de fomentar
a innovación entre as novas xeracións e establecer, deste xeito, novos xeitos
de saírmos da crise e, tamén, de atoparlle vieiro empresarial e produtivo á
manchea de ideas emprendedoras que abrollan do eido académico. Nesta primeira
xeira dos premios tivo gran protagonismo a Escola de Enxeñaría Industrial, de
onde abrollaron os dous proxectos gañadores, que recibiron unha achega de 2.500
euros. Trátase dunha iniciativa para o aproveitamento de efluentes de CO2 na
industria vitivinícola e de outra para a distribución no mercado de tecnoloxía
para picosatélites Cubesat.
Na entrega de galardóns fixo acto de presenza
o reitor da Universidade, Salustiano Mato, quen fixo fincapé na necesidade de
dar saída, de materializar, toda a creatividade empresarial dos campus. “A falta deste espírito emprendedor é unha
das eivas da universidade española”, dixo, e avogou por seguir traballando
para potenciar a innovación e a transferencia entre o alumnado porque “estas iniciativas nacen cando as mentes son
máis creativas, cando se empapan de coñecemento”.
Detrás das dúas iniciativas premiadas, ambas
en igualdade de condicións con 2.500 euros, emprázanse tres enxeñeiros
industriais. Carlos Merino e Jorge Firvida son os autores do proxecto sobre o
aproveitamento de efluentes de CO2 no eido vitivinícola e explican que a idea é
cubrir un oco no mercado que ata agora estaba baleiro nun sector como o do
viño. “A idea”, comentaron, “é empregar ese CO2 para potenciar o cultivo
de microalgas con aplicacións na industria cosmética, na medicina e mesmo no
biodiesel, explican os enxeñeiros”.
O outro enxeñeiro premiado é Miguel López, que
apostou por un proxecto para a creación dunha firma que comercialice a tecnoloxía
para picosatélites Cubesat. Esta iniciativa, seleccionada para a fase final de
Emprendedor do Ano, baséase na achega ao
mercado “dunha tecnoloxía xa desenvolvida
e que será aprobada cando se lance o proxecto do picosatélite”.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com
















