Entregados os premios aos mellores programas de software libre do 2011

martes, 7 de febreiro do 2012 Raquel Noya

A web PortalProgramas.com, que permite a descarga de todo tipo de aplicacións informáticas de xeito doado e rápido, leva anos apostando polo software libre como mellor ferramenta para satisfacer as necesidades dos seus usuarios ao menor prezo ou mesmo de balde, e pon á súa disposición un amplo abano de produtos de altas prestacións tanto en código privativo como aberto.
Porén tal é o éxito desta última categoría de software que a web convocou un peculiar concurso co que renderlle homenaxe, e baixo o lema “é o momento do software libre”, permitiu que os seus usuarios escolleran os programas libres que máis contribuíron ao avance tecnolóxico do pasado ano para premiar aos máis votados.
Dende esta plataforma aseguran que “o esforzo e paixón da comunidade” conseguiron que esta edición estivera aberta a programas libres de tódalas plataformas, e que contara con máis categorías e máis doazóns que ningunha das anteriores: un total de 79 proxectos para Windows, 87 para Linux, 44 para Mac e 9 para móbil.
Finalmente, grazas á participación de máis de 11.000 usuarios rexistrados que contribuíron ademais a demostrar o bo estado de forma deste tipo de programas, a web vén de dar a coñecer os gañadores de cada categoría, que son os que seguen:
• Software libre máis popular: Firefox.
• Software libre máis revolucionario: Firefox.
• Software libre con maior potencial de crecemento: Chamilo E-learning.
• Software esencial para a web: Apache..
• Software libre esencial para a tecnoloxía: GNU/Linux.
• Software esencial para a comunicación: Joomla.
• Software esencial para redes de comunicación: Nagios.
• Software esencial para empresas: OpenKM.
O software libre sae moi beneficiado do resultado destes Premios, porén non é o único, pois, segundo o director xerente Ceslcam (Centro de Excelencia de Software Libre de Castela a Mancha), “desde o punto de vista das empresas TIC, representa unha oportunidade de agregar valor aos seus produtos, reunindo solucións ou servizos fronte a modelos puramente enfocados á venta de licencias. Isto significa que a empresa TIC xera riqueza porque aporta ese valor” e “propicia o crecemento do tecido industrial”, engadiu.