Entregados os premios Smart Commerce 2017

martes, 14 de novembro do 2017 Redacción

Onte entregáronse en Santiago uns galardóns que salientan a importancia de dixitalizar e innovar os nosos negocios e que visualizan ao máximo o traballo ben feito neste sentido. Estamos a falar da edición 2017 dos premios Smart Commerce, convocados pola Consellería de Economía co obxectivo de recoñecer aqueles comercios da nosa terra que “aposten por situar ao cliente no cento da súa estratexia”, e facéndoo botando man de ingredientes como a mercadotecnia dixital, o comercio en liña, o posicionamento en buscadores ou o uso das redes sociais. Na cita participou o conselleiro Francisco Conde, quen lembrou que Internet “é unha realidade presente que permite mercar en calquera intre ou lugar do mundo” e desta realidade, engadiu, “os nosos comerciantes son cada vez máis plenamente conscientes”. Volvendo aos galardóns, artelláronse en tres categorías. A primeira, o premio Smart Commerce, incluíu unha contía de 3.000 euros para o premiado a nivel de Galicia e 1.500 para o escollido en cada provincia.
Ao abeiro desta primeira modalidade distínguense os comercios galegos que desenvolven iniciativas innovadoras que supoñen “unha clara diferenciación e mellora no mantemento de clientes”, que impulsan “accións de promoción especiais” e que salientan polo uso das canles on line e off line de comunicación e venda.
Nesta segunda edición dos galardóns, obtivo o premio Smart Commerce Galicia e Smart Commerce Pontevedra a tenda de moda infantil Las Merceditas de Iria, especializada en moda infantil e que conta tamén con tenda dixital.
A librería coruñesa Moito Conto, que incorpora elementos TIC dentro dun espazo tradicional de venda ao público e cunha importante presenza nas redes sociais, fíxose co Smart Commerce da provincia A Coruña. En Ourense resultou galardoado o establecemento de moda Clothes&Co, que conta con establecemento dixital e presenza en redes sociais.
Polo que se refire á segunda categoría, o premio eCommerce, diríxese a a recoñecer, cunha contía de 1.000 euros, o comercio galego cuxa actividade sexa a venda de produtos a través de Internet. Nesta edición, recaeu en Filament2 Print, con sede en Nigrán, tenda adicada a comercializar materiais para a impresión 3D.
Ademais, a través do premio Social Commerce, cunha dotación de 1.000 euros, saliéntase e visualízase o negocio que “amose o mellor aproveitamento das redes sociais para chegar aos seus clientes”. Este ano obtivo este recoñecemento Blue Popelina, de Betanzos, unha tenda on line que ofrece prendas de vestir e accesorios multimarca, facendo das redes sociais o seu escaparate.

PUBLICIDADE