Entregados os galardóns da terceira edición do campionato galego D3Mobile
xoves, 30 de xuño do 2016
Finalmente os equipos
vencedores na D3Mobile Metrology World League 2016, que
avanzamos os días pasados dende Código Cero, recibiron este
mércores os seus respectivos premios no marco dunha cerimonia
que congregou na Escola Politécnica Superior da USC a preto de medio
centenar de estudantes de ESO e BAC e profesorado de centros
educativos de ensino medio de Galicia e doutras comunidades autónomas
como Castela e León ou Asturias. O gañador desta terceira edición
foi o equipo Aspaveres, do IES Nº1 de Ribeira, formado por Abel
Muñiz Cameán, Marta Franco González, Almudena Pérez Parada e José
Manuel Pena Fernández, coordinados pola profesora Margarita Saborido
Ojea. Elaboraron o modelo 3D dun tipo de zapatilla moi popular e moi
espallada entre os adolescentes e que xa fora modelada en edicións
previas.
Cada alumno deste equipo
de Ribeira recibiu un premio tecnolóxico, e o centro ao que
pertencen equipamento de laboratorio, unha subscrición á revista
Educación 3.0 e unha zapatilla
asinada por Pau Gasol.
O subcampión do certame,
cun modelo
3D dunha estatua da Virxe María, foi o equipo Black Rangers do
Salvador formado polos alumnos Salvador Mejía Rosales, Ariel
Alexander Cruz Martínez, José Alejandro Ramírez Trujillo e Carlos
Rafael Gil Alvarado, coordinados polo profesor Salvador Ernesto Rivas
Leiva, que non puideron asistir á cerimonia en Lugo. Como tampouco
puido o gañador do terceiro premio, o equipo estepeño Awawa69 dos
Eduardo Muñoz Tejada, Rafael Muñoz Sánchez e Sergio Gálvez Martín
que, coordinados por Salvador Páez Díaz, realizaron o modelo
3D dun galo.
O equipo Ausiets, de
Gandía (Valencia), formado por Pau Sánchez Climent, Aly Alexandra
Cuba, Xema Martínez Pascual e Julieta Antoniazzi, coordinados por
Amparo Bataller Vidal, foi o equipo debutante mellor clasificado tras
elaborar o modelo 3D
dunha figura xeométrica.
Pola súa banda, Ángela
Mª Martín García, Inés Suárez Arca, Paula Pastor Calvo e Lucía
Menéndez Arca, do IES Val de Ebro, foron os máis votados polos
propios finalistas co modelo
3D da escultura Hortelana, situada na localidade navarra na que
viven, Tudela, vila que xa foi premiada na edición anterior con
outra das súas esculturas urbanas realizada por outro equipo do
mesmo centro, coordinado tamén polo profesor Paulino José Martínez
Salcedo.
D3Mobile, como
recordaremos, é un campionato pioneiro de modelado 3D de precisión
teléfono móbil orientado a estudantes preuniversitarios e promovido
polo grupo de investigación USCAN3D da USC en colaboración coa
Fecyt, Fundación Vodafone España, o Centro Español de Metroloxía
(CEM) e o Instituto Xeográfico Nacional (IGN-CNIG), ademais doutras
entidades públicas e privadas. Na competición deste ano tomaron
parte 1.348 alumnos e 249 profesores de 223 centros educativos de 37
países de todo o mundo.
- Foto de grupo dos equipos gañadores coas autoridades