Entregados os diplomas do primeiro campamento científico D´Tec

mércores, 5 de abril do 2023 S. P.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, entregou este mércores 5 de abril os diplomas aos 25 mozos e mozas participantes no primeiro campamento científico D´Tec, organizado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) en colaboración co CIS Tecnoloxía e Deseño.
Trátase dun programa de actividades para achegar os rapaces e rapazas a ámbitos como o deseño industrial, a impresión 3D, a Realidade Aumentada e Virtual e a programación e ciberseguridade, guiados en todo o proceso de aprendizaxe por monitores con ampla experiencia en educación STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas).
O campamento levouse a cabo durante os días 3, 4 e 5 de abril de 2023. Estivo aberto a todo o alumnado de Educación Secundaria obrigatoria interesado por estes campos de coñecemento. En horario de 10 a 14 horas, e agrupados por niveis de idade, os participantes aproximáronse de forma práctica aos materiais innovadores, as novas tecnoloxías e o deseño.

PUBLICIDADE