Entre 2008 e 2012 medraron un 53,4% o número de fogares galegos conectados á Internet

xoves, 16 de maio do 2013 Marcus Fernández

Esta mañá déronse a coñecer os resultados do Diagnóstico sobre a Sociedade da Información nos fogares galegos da man da directora da Axencia para a Modernización de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, e do director xeral do Instituto Galego de Estatística (IGE), José Antonio Campo Andión. Este estudo elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), e dispoñible para a súa descarga en formato PDF, analiza a evolución da penetración TIC en Galicia entre os anos 2008 e 2012 dentro do convenio entre AMTEGA e IGE, de xeito que aprovéitanse os datos recollidos pola Enquisa de Condicións de Vida das Familias do IGE para seren analizados polo OSIMGA.
Esta colaboración supuxo un incremento da mostra de máis de 7.000 enquisas a fogares con respecto a anteriores estudos do OSIMGA, o que facilitou unha maior desagregación dos datos segundo áreas xeográficas, á vez que se evitan duplicidades (co conseguinte aforro económico).

Contratación de Internet segundo o número de habitantes no concello (ano 2012)

O período analizado polo estudio conclúe que o ritmo e adopción das TIC nos fogares galegos é superior ás medias española e europea, de xeito que entre 2008 e 2012 puidemos ver como a presencia de ordenadores nos fogares medrou un 29,9% e a contratación da Internet incrementouse un 53,4%, de xeito que a distancia que separa a Galicia de España e Europa foise acurtando.
Cómpre ter en conta que estes datos están limitados ao ámbito doméstico, pois actualmente o consumo da Internet dende contornos de mobilidade é moi elevado, polo que podemos entender que o uso das TIC é maior do que podemos deducir dos datos recollidos neste informe do OSIMGA.

Fenda dixital entre o rural e o urbano

Mapa de fogares con acceso contratado á banda larga segundo a área

Pero para analizar a situación galega non podemos deixar de lado as características sociodemográficas, rexistrándose unha clara correlación entre a penetración da Internet no fogar co número de habitantes dos seus concellos, o que vese claramente no caso da Coruña, cidade que ten unha penetración doméstica da Rede dun 72,2%, superando en 15,9 puntos á media galega, mentres que en vilas con menos de 5.000 habitantes a contratación da Internet no fogar apenas chega ao 36%.
Consultados os cidadáns sobre os motivos que os levan a non contratar conexión á Rede no fogar aseguran que “non o necesitan”, que “non o queren” e que “é moi caro”, mentres que a falta de cobertura é un factor cada vez menos importante, que afectaría só ao 6% dos fogares da nosa comunidade autónoma.

A barreira da idade

José Antonio Campo Andión, director xeral do IGE, estivo presente na presentación do informe do OSIMGA

Outra variable que afecta considerablemente á contratación de acceso á Rede no domicilio é a idade, de xeito que os 92,7% dos mozos accederon á Rede nos últimos 3 meses, mentres que en persoas de entre 65 e 74 anos tal porcentaxe caería ao 12,6%, rexistrándose un claro descenso no uso da Internet a partir dos 45 anos. A estes datos afecta especialmente a presenza de cativos no fogar, de xeito que en 7 de cada 10 domicilios cun neno en idade escolar faise uso das TIC, superando en máis de 15 puntos as porcentaxes rexistradas no resto de fogares.

Redúcese a distancia entre sexos no uso das TIC

Mar Pereira, directora da AMTEGA, debullou moitos dos detalles recollidos no estudo desenvolvido coa colaboración do IGE

O sexo tamén supón unha barreira de acceso á Internet difícil de comprender hoxe en día, e que por fortuna vai mudando, de xeito que os 6,5 puntos de diferenza entre homes e mulleres no uso da Internet caeu ata os 3,9 puntos en 2012, conseguíndose en Galicia unha fenda dixital de sexo menor que a do Estado (que aínda é de 5,2 puntos).

Boa interacción coas Administracións Públicas

O estudo elaborado polo OSIMGA tamén recolle que o 47,7% dos cidadáns descargaron formularios oficiais, e un 40,7% enviou formularios cumprimentados a través da Internet, ámbitos nos que superouse en 12,7 puntos á media europea, o que indica que a nosa poboación soubo aproveitar as posibilidades das TIC para relacionarse coas Administracións e evitando así desprazamentos e un consumo de tempo innecesario para labores administrativas.

PUBLICIDADE