Enter sitúa ás novas tecnoloxías como elementos clave para saír da pobreza

martes, 14 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

As novas tecnoloxías da información, en termos de achega económica e social, constitúen en parte o extremo oposto de toda aquela actividade produtiva ligada directamente á crise. Para que se entenda: construír unha liña de edificios ao longo de toda a nosa costa está definitivamente máis preto da xeración de períodos futuros de carestía que afianzar e impulsar o tecido tecnolóxico galego ligado á Sociedade do Coñecemento. Isto que funciona para un país desenvolvido semella aínda máis válido para os que viven aínda baixo a sombra da pobreza e a fame extrema. Segundo un novo estudo de Enter (Centro de Análise da Sociedade da Información do IE Business School) presentado hoxe mesmo, a adopción das novas ferramentas en todos os elos da cadea produtiva, baixo circunstancias axeitadas, pode xogar un papel fundamental nos procesos de desenvolvemento das rexións máis pobres do planeta.
Na investigación, que sitúa o investimento en educación e en recursos para facer fronte ao cambio tecnolóxico como determinantes para reducir a fenda dixital, faise especial fincapé no caso latinoamericano, onde se ten rastrexado a inutilidade de certos camiños para superar a dita distancia, como por exemplo a habilitación masiva de telecentros de acceso á Rede na década dos noventa en determinados países ou a permisividade pública perante o elevado custe social da propia tecnolóxica e das habilidades para o seu uso. O estudo, que se pode descargar de balde na web de Enter, conclúe sinalando que aínda é posible unha recuperación tecnolóxica nos ditos países pola vía da educación e o capital humano, afirmando que América Latina se atopa neste intre ben situada para tirar partido das súas vantaxes comparativas co obxectivo de acadar metas de desenvolvemento mediante investimentos eficaces en materia de novas tecnoloxías da información.

PUBLICIDADE