Endemol e Ericsson unen forzas para achegar a interactividade á televisión

luns, 10 de setembro do 2007 Marcus Fernández

A nova plataforma permite intervir en directo en programas de televisión

Endemol asinou un acordo global con Ericsson para o espallamento conxunto de solucións de televisión interactiva dando entrada a contidos xerados polos usuarios a través da solución de Ericsson Me on TV (Eu na television).
Endemol distribuirá o novo servizo desenvolvido e soportado por Ericsson, que permite ós usuarios descargar, publicar e compartir contidos de vídeo en directo ou previamente gravados, dende case calquera lugar, de xeito que os consumidores poderán transmitir os seus propios contidos a páxinas web, canles de televisión ou comunidades virtuais, comercializándose estas solucións coma marca branca para os provedores de contidos (produtoras de televisión, web e operadores de rede).

Me on TV achega a interactividade dende calquera lugar

A nova solución de Ericsson busca tanto achegar a televisón a calquera lugar onde nos atopemos, de xeito que poidamos ver as nosas emisións favoritas no móbil como tamén calquera persoa cun móbil multimedia se poida converter nun reporteiro a pé de rúa (e se poida substituír a básica chamada telefónica por unha participación multimedia).
As vídeochamadas serven así para achegar vídeo á televisión, enriquecendo así os seus contidos, pero tamén se pode contribuír con outros medios coma o texto, de xeito que se poden establecer chats, aínda que moitas canles televisivas preferirán utilizar este tipo de plataformas para permitir descargar por parte dos usuarios, que poderían acceder así a cortes de vídeo ou cancións para establecer coma ton de chamada no móbil.
Para achegarnos a esta nova plataforma dende Endemol publican na web un exemplo de cómo sería a participación dunha persoa dentro dun programa coma Gran Hermano:

PUBLICIDADE