En marcha unha web que agrupa todas as vías de axudar a Ucraína

xoves, 10 de marzo do 2022 S. P.

Agora que boa parte dos internautas estamos a piques de vernos superados pola gran cantidade de recursos dos que podemos dispor para solidarizarnos con Ucraína e poñer o noso gran area, non está de máis que xurdan iniciativas destinadas a clarificar conceptos e facilitarnos o camiño, a xeito de porta única na que petar. Nesta liña insírese a nova web Salva Ucrania, impulsada polo voluntariado que está a traballar máis directamente en axuda do país da Europa do Leste en colaboración coa deseñadora-desenvolvedora web Inés Urdaci.
Trátase dunha “web urxente” que “agrupa todas as vías de axuda a Ucraína para que elixamos a que máis nos convence, coa seguridade de que todas e todos compartimos a idea de axudar aos que sofren a guerra”, segundo explica o equipo impulsor da iniciativa. Entre estas organizacións atópanse as seguintes: Cruz Vermella, Cáritas, ACNUR, Save The Children, UNICEF, Come Back Alive, World Central Kitchen, Aldeas Infantiles ou Infancia de NAD.
Nunha das seccións da web atoparemos todas as formas de axudar a Ucraína dende a nosa cidade (iniciativas locais, grupos de acollida e de recollida de alimentos e material que axuden aos desprazados e refuxiados) e noutro dos apartados recompílanse os diferentes métodos que temos ao noso dispor para canalizar a nosa vontade de axudar.

PUBLICIDADE