En marcha unha web para introducirnos de cheo na compostaxe doméstica: compostaconsogama.gal

luns, 25 de abril do 2016 Redacción

Os días pasados o Goberno galego lanzou unha web directamente encamiñada a introducirnos nos segredos e vantaxes da compostaxe caseira: como facela de maneira correcta, que beneficios naturais e económicos ten, como acubillala, que usos pode ter, etc. A páxina en cuestión chámase compostaconsogama.gal e vén da man da Consellería de Medio Ambiente e SOGAMA. Insírese o seu lanzamento na campaña divulgativa Ti es a peza que falta. Para comezar, a páxina sitúanos en materia e explícanos en detalle en que consiste o compost: é un abono natural elaborado co material de orixe orgánica (restos de froita, de verduras, de hortalizas) que desbotamos nos nosos fogares.
No sitio web amósase en detalle en que consiste a compostaxe e como levala a cabo para obter resultados de calidade a partir da fermentación controlada da materia orgánica: un abono natural que cumpra con todos os requirimentos da normativa actual e poida ser empregado con total garantía de calidade.
A páxina artéllase en varios apartados a través dos que podemos acceder á información máis salientábel: a explicación da compostaxe doméstica, o proceso a levar a cabo para acadala, que factores inflúen na mesma, cal é a función do composteiro, problemas habituais e solucións, como recoñecer un bo compost, cales son as súas aplicacións e que beneficios reporta. Tamén se fai fincapé nos materiais que deben e non deben ser depositados no recipiente, incluíndo entre estes últimos os restos de carne e peixe, aceites vexetais e minerais, e produtos lácteos. Igualmente, explícase como podemos fabricar unha composteira de maneira manual e de que materiais podemos botar man.

O novo espazo web achega completa información sobre o proceso de compostaxe

PUBLICIDADE