En marcha unha web con xogos educativos para fomentar a saúde bucodental

venres, 9 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

Os videoxogos teñen amosado, dende sempre, un amplo potencial educativo. En realidade, ten a súa lóxica que así sexa, non hai máis que pensar no moito que se exercitan determinadas capacidades intelectuais, físicas e sociais con todo tipo de accións lúdicas tradicionais: a mensaxe chega mellor. Este é o alicerce de Sen carie, un material multimedia habilitado polas consellerías de Sanidade e Educación onde poderemos atopar, entre outras cousas, unha variada listaxe de xogos educativos adaptados aos diferentes niveis de educación infantil e primeira dándose conta, de maneira lúdica, dos piares da saúde bucodental para nenas e nenos.
A web, amais de outras opcións multimedia, inclúe un apartado chamado A boca e o seu coidado onde se informa, a través dunha completa guía, sobre algunhas cuestións chave sobre o coidado dos nosos dentes, cuestións que “serven para actualizar os coñecementos dos docentes ou dos pais e poden ser utilizados como material de consulta dos escolares”. A páxina tamén inclúe unha sección para o profesorado (Educadores), que achega os principais pasos a seguir por parte dunha titora ou titor no que se refire a normalizar entre a rapazada os principais métodos de hixiene bucal.

PUBLICIDADE