En marcha unha revista-web sobre fútbol en galego: Kubus

mércores, 30 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

A Rede semella que segue a facer posíbeis cousas que xa dabamos por perdidas. Por exemplo, máis prensa en galego. Estes azos dixitais, ademais, danse a varios niveis que se complementan: facendo visíbeis os novos medios, fomentando a colaboración arredor deles, reducindo os investimentos esixidos ou permitindo a recadación de apoios (vía Verkami, por exemplo). Esta semana, sen ir máis lonxe, soubemos dunha nova web coa súa revista complementaria en papel, dedicados ao fútbol e en lingua galega. Falamos de Kubus.
O obxectivo dos seus creadores desta revista-web é permitirnos que vivamos o presente e coñezamos a historia do deporte máis popular dende unha óptica realmente galega. Os seus directores son Rubén González e Javi Paz e contan para esta iniciativa cunha chea de colaboradores-seareiros do deporte e das súas múltiples manifestacións na nosa terra. O proxecto non pretenden competir cos grandes medios, pero responde a unha demanda concreta: a dos lectores e lectoras galegas que desexan que se lles fale das cousas que lles interesan no seu idioma. E o fútbol, cómpre telo en conta (nos guste ou non), interesa. Ao seu favor, Kubus ten un entusiasmo polo deporte ben claro, “amais da enerxía que dá a mocidade”, sinalan. Para recadar apoios, o novo medio está a facer ruído dende a súa web e, tamén, en Verkami.com, onde ten aberta unha iniciativa concreta para obter fondos a través do apoio de moitos seareiros en liña (crowdfunding).

PUBLICIDADE