En marcha unha revista galega feita especificamente para iPad: Achtung!

martes, 3 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

Temos unha nova publicación de raizame galega: Achtung! Dáse a circunstancia de que nin nos contidos (creatividade de vangarda, alicerce cultural dende unha óptica “irreverente”) nin na forma é unha revista ao uso. De feito, segundo nos contan os seus creadores, trátase da primeira revista para iPad feita dende a nosa terra. A publicación, artellada en base a reportaxes, entrevistas, opinión e información internacional e/ou cultural, vén da man dun grupo de profesonais da comunicación encabezados por Óscar Sanluis e Pablo L. Orosa, comprometidos con revolucionar non só o noso panorama comunicativo, senón o de alén de tódolos nosos puntos de vista.
A revista, que xa está dispoñíbel na App Store, semella un reto en si mesma: feita dende a para a modernidade TIC pero con vontade de que sexamos quen de lela de vagar. Segundo os seus autores, as grandes historias ás que dá acubillo ben merecen que lles dediquemos o noso tempo. Un dos grandes piares da publicación é a información internacional, contándose para esta cobertura con corresponsais en países como Francia, Marrocos, Venezuela, México o Turquía. A cultura, como dixemos, é tamén un contido esencial da publicación, abranguéndose múltiples manifestacións da mesma, como literatura, cinema, TV, música ou pintura. Tamén incorpora un espazo para creadores, achegando unha novela por entregas e propostas fotográficas ou artísticas. O formato para tablets inclúe material adicional (galerías, vídeos, enquisas, redes sociais) fornecendo aos lectores “dunha experiencia interactiva na que estes constitúen a parte activa da revista”. Esta estará dispoñíbel cada seis semanas na App Store, e en versión de escritorio, para PC e Mac. Para complementar estas achegas, púxose en marcha unha web, achtungmag.com, actualizada decote con entrevistas, apuntamentos culturais, propostas gastronómicas e turísticas.

PUBLICIDADE