En marcha unha rede social para facilitar a volta ao cole... das nais e dos pais

martes, 10 de setembro do 2013 Redacción

Seguimos a volta con servizos e propostas TIC de cara a un proceso que se repite cada setembro que, para quen enganarnos, para o común da rapazada segue e seguirá a ser unha condena: a volta ao colexio logo das vacacións. Pois ben, a Rede ferve de cousas para minimizar as consecuencias do regreso ás obrigas educativas, cousa que tamén soe afectar ás nais e aos pais, sobre todo no que se refire a que facer para equipar aos cativos do mellor xeito posíbel. Este martes informóusenos da posta en marcha de LaPuertadelCole, unha rede social para os maiores da casa e que, como tal, conéctaos entre si. Incluíndose a importante posibilidade de establecer canles de comunicación permanentes entre pais e nais de nenos que van á mesma clase.
Precisamente, segundo informan os responsábeis do servizo, estamos ante unha rede social ideada para o apoio diario aos pais e nais dos compañeiros de aula. Para acceder á rede só hai que facer un rexistro en liña e, a partir de aí, xa é posíbel coñecer as opinións doutros pais do colexio ou compartir puntos de vista. Como rede social que é, achégase a posibilidade de compartir información de xeito persoal e privado, cousa para o que se precisa que os usuarios implicados se rexistren como amigos. A comunidade en liña conta arestora con máis de 1.500 usuarios entre nais e pais e colexios de toda España. Beatriz Góngora e Luís Abenza, creadores da rede social a través de Afecciona Networks, prevén o lanzamento da versión móbil de LaPuertadelCole para este mesmo mes de setembro.

PUBLICIDADE