En marcha unha páxina web que facilita a detección do Alzhéimer

luns, 10 de decembro do 2012 Redacción

A Confederación Española de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias (CEAFA), coa contribución tecnolóxica de varias asociacións científicas e da empresa Novartis, vén de pór a disposición da comunidade internauta unha web que permite, entre outras cousas, detectar os primeiros síntomas da devandita doenza, e sen necesidade de achegármonos de primeiras a un centro de saúde ou especialista médico sen saber se hai indicios claros da enfermidade. Falamos da páxina web problemasmemoria.com, web creada ao abeiro do proxecto do mesmo nome e que consiste basicamente nunha escolma de preguntas dirixidas a familiares ou coñecidos de persoas potencialmente afectadas por Alzhéimer para que saiban que camiño tomar ante os primeiros sinais de posíbel aparición da doenza.
A web recolle nun principio información sobre a idade, os estudos e o sexo da persoa hipoteticamente afectada, e logo solicita datos sobre frecuencia de trato con esa persoa. A partir de aí, temos á nosa disposición a enquisa propiamente dita coa que se trataría de verificar a presenza (ou non) de Alzhéimer ou dalgún tipo de demencia. Logo do cuestionario, o sistema advirte se a información achegada ficaría dentro do normal a determinadas idades ou se hai indicios dos devanditos problemas.

PUBLICIDADE