En marcha unha nova edición da Cátedra Red.es

mércores, 8 de maio do 2013 Redacción

Borja Adsuara, director xeral de Red.es

Ao longo deste mes de maio estase a desenvolver o XVI Ciclo de Conferencias Visión Estratéxica do Sector TIC no marco da Cátedra Red.es, froito do acordo coa Universidade Politécnica de Madrid (UPM). Até o día 22 a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación (ETSIT) acolle cinco sesións de dúas horas de duración, cada unha a cargo de relevantes expertos, profesores, catedráticos e académicos. O ciclo comezou este luns coa conferencia titulada Panorama do sector TIC e Sociedade da Información impartida polo director do Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (ONTSI), Pedro Martín Jurado, quen salientou “o compromiso adquirido ao longo destes anos entre Red.es, ONTSI e ETSIT (UPM) para potenciar o papel do TIC”.
O seguinte relatorio, previsto para este mércores, ten como protagonista ao catedrático de Economía da Universidade Carlos III, Álvaro Escribano, quen departirá sobre “o Rol das TIC na produtividade”.
O vindeiro luns 13 será a quenda do profesor da Universidade Internacional da Rioxa, Fernando Maristany, coa conferencia Como sobrevivir ás ondas tecnolóxicas. Unha semana máis tarde, o día 20, a aula Magna da ETSIT acollerá a sesión impartida polo membro da Real Academia Luís Lada e que leva por título Unha aproximación sobre a evolución global das comunicacións electrónicas. O director xeral de Red.es, Borja Adsuara, pechará este ciclo de conferencias o 22 de maio cun relatorio sobre A Axenda Dixital para España, que, en palabras da dita entidade público-empresarial, constitúe “a folla de ruta aprobada polo Goberno para situar ao país entre as potencias tecnolóxicas no horizonte 2020”.

PUBLICIDADE