En marcha unha guía náutica galega con cumprida información sobre 72 instalacións portuarias
luns, 1 de xuño do 2020
Portos
de Galicia presentou este primeiro de xuño diversos detalles sobre a
nova guía náutica de Galicia, elaborada pola entidade autonómica e
posta a disposición dos usuarios do sector, achegándolles
información práctica sobre as instalacións e os servizos dos
portos deportivos da nosa Comunidade, tanto de titularidade
autonómica como estatal. A
guía foi presentada este luns pola presidenta de Portos, Susana
Lenguas, durante un encontro cos representantes das asociacións
do sector. Ten feitura
de plataforma dixital, xa dispoñíbel na Rede.
A
publicación online está traducida a cinco idiomas (galego,
castelán, inglés, francés e alemán), para facilitar a súa
difusión no mercado internacional. Trátase, sinalou Lenguas, “dunha
ferramenta de uso práctico para os navegantes que chegan a Galicia
recompilando información útil de todos os peiraos deportivos da
comunidade nun formato interactivo e moi gráfico para maior
axilidade”. En concreto, permite aos usuarios planificar travesías
en función da embarcación e a súa necesidade de servizos
portuarios, e identifica todas as instalacións menores xestionadas
directamente por Portos de Galicia destinadas ao atraque como porto
base de embarcacións de recreo.
En
total, recolle datos de 72 instalacións portuarias, 42 portos
deportivos que admiten tránsitos e 30 instalacións menores. A guía
náutica artella o litoral galego en catro costas: Rías Altas, Golfo
Ártabro, Costa da Morte e Rías Baixas. Nas Rías Altas recóllense
dous portos deportivos; no Golfo Ártabro 11; na Costa da Morte dous
e as Rías Baixas, como contorna xeográfica de maior turismo
costeiro, presentan 27 peiraos náutico recreativos.
De
cada un destes portos a guía recolle cartas náuticas, coordenadas,
número de amarres, esloras e calados, servizos dispoñíbeis,
certificacións de calidade e información de contacto, entre outros
datos.