En marcha unha ferramenta para consultar a situación da banda larga na nosa terra

luns, 10 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

O Plan de Banda Larga, como informa a Xunta puntualmente, implica entre outras cousas a achega de acceso á rede para un bo número de zonas da nosa xeografía que até o de agora ficaban pendentes de cobertura axeitada. As iniciativas que inclúe o Plan xa deron comezo, como por exemplo no sur de Lugo, e isto ábrelle á cidadanía os lóxicos interrogantes sobre que zonas están fóra xa da sombra dixital e en que áreas están prevista actuacións a curto e medio prazo. Co fin de solucionar estas dúbidas e abrir un rexistro de demandantes, a Secretaría Xeral de Modernización puxo en marcha un servizo na súa web dende o que é posible xa consultar o estado do despregue de banda larga.
Trátase de ReDe, unha ferramenta informática de consulta que segundo informa Modernización é de doado manexo, visual e accesible para “calquera perfil”. A persoa interesada en coñecer o desenvolvemento do devandito Plan na súa zona a través de ReDe só precisa visitar a web de Modernización, acceder á ferramenta e elixir a súa provincia, concello, parroquia e núcleo. Unha vez dado este paso, o usuario terá á vista un mapa no que se indica a situación presente da cobertura na zona solicitada. Se a área en cuestión aínda non fora obxecto de despregue, o servizo informa da data de posta en marcha dos traballos. “Os usuarios sen cobertura poderán cubrir un formulario cos seus datos que permitirá realizar un seguimento do plan e contribuirá á planificación das actuacións previstas no plan”, engade Modernización.

ReDe apóiase en tecnología de Google Earth para a realización das consultas de cobertura da banda larga

PUBLICIDADE