En marcha unha enquisa en liña para escoller as 10 mellores cancións de Los Suaves

xoves, 22 de xullo do 2010 Raquel Noya

O grupo de rock galego, Los Suaves, que como vimos lembrando nas últimas semanas neste medio, celebran este ano o seu 30 aniversario, seguen a botar man das novas tecnoloxías e Internet para promocionar o seu vindeiro traballo e, desta volta, solicitan a colaboración dos seus fans e seareiros para escoller as 10 cancións que formarán parte do repertorio do disco en directo (que gravarán o vindeiro 18 de setembro nun concerto exclusivo en Ourense).
Os temas que ata o de agora máis convencen aos internautas son, nesta orde, Malas noticias, Parece que aún fue ayer, Dulce castigo, Ese día piensa en mi, Pardao, No puedo dejar el rock, Si pudiera, Siempre igual, Palabras para Julia e Llegaste hasta mi, que son as que máis votos acadaron dende que se puxo en marcha esta peculiar enquisa.
As entradas para acudir a este concerto (que de seguro fará historia ao aproveitar para gravar o DVD do 30 aniversario en directo), aínda se poden conseguir a través de Musikaze.com e Ticketmaster, a un prezo de 6 euros máis gastos de distribución.
De todas maneiras, aqueles fans e seareiros da banda que queiran entrar de balde ó concerto e coñecer ao grupo en persoa, están a tempo de facerse fans do Directo de Los Suaves en Facebook e entrarán automáticamente no sorteo dunha entrada dobre con acceso ao backstage.

PUBLICIDADE