En marcha unha empresa galega que integra tecnoloxías educativas, talento e nube: Éutika

martes, 19 de xullo do 2022 S. P.

O panorama tecnolóxico galego vén de subir un novo chanzo coa incorporación de Éutika, empresa que xorde da confluencia entre tecnoloxías educativas, talento dixital e solucións na nube. Con sedes na Coruña e Madrid, Éutika nace co obxectivo de converterse “nunha empresa de referencia” no dito ámbito das ferramentas formativas e, tamén, de contribuír “de xeito significativo” á redución da fenda dixital existente na sociedade actual.
Segundo contan os seus impulsores, “a escaseza de persoas altamente cualificadas é un dous principais problemas dás organizacións, xa que existe unha gran brecha entre a oferta de coñecemento dispoñíbel e as necesidades reais de talento dixital”. Éutika, neste senso, ofrece aos seus clientes un sistema de xestión de talento que conecta a oferta dispoñíbel e a demanda requirida, “facilitando o medre profesional ds persoas e o desenvolvemento das organizacións”.
Éutika brinda aos seus clientes as seguintes solucións: Éutika Governor (goberno automatizado de CMSs, permite unha xestión automatizada, segura e ordenada dos cambios), Éutika Content (xestor de contidos), Éutika Challenge (novos modelos de aprendizaxe) e Éutika Ops (servizo de operación baseado nun modelo de custo por uso flexíbel e adaptábel).
Á fronte de Éutika atópanse David A. Lareo, profesional con máis de 20 anos de experiencia en distintas áreas tecnolóxicas, formado adicionalmente en disciplinas como a economía e a filosofía e arquitecto cloud, e Nacho Baltar, con máis de 30 anos de bagaxe no sector das Tecnoloxías da Información (TI), emprendedor, con ampla experiencia en funcións de desenvolvemento de negocio e dirección de operacións.
Os dous son conscientes da alta demanda de talento especializado que provocou a rápida dixitalización tanto dos procesos cotiáns como dos empresariais. “A misión de Éutika é contribuír a reducir a dicir fenda dixital, aplicando procesos e tecnoloxías aos novos escenarios formativos, facilitando o acceso ao coñecemento, flexibilizando os procesos de aprendizaxe, promovendo o traballo colaborativo e o desenvolvemento das habilidades persoais”, declaran os seus socios fundadores.

PUBLICIDADE