En marcha unha comunidade para a autoedición de fotos inspirada en Bubok: a comunidade Arttística

martes, 17 de decembro do 2013 Redacción

Esta semana presentouse un novo proxecto de raizame estatal e obxectivos de alcance internacional para facilitar o camiño de quen queira amosar perante o mundo as súas fotografías e de paso xerar beneficios. O proxecto chámase Arttística, e trátase dunha comunidade de Internet para a publicación e venda de imaxes. Permite a calquera persoa, ben sexa fotógrafo profesional ou afeccionado, divulgar as súas creacións de xeito gratuíto ou mesmo vendelas a través de variados formatos e materiais (o 80% do recadado é para o autor). A plataforma bota man do sistema de impresión baixo demanda, polo que o artista, sinalan os responsábeis da iniciativa, nunca perde cartos, “xa que soamente se imprimen as fotografías que pedisen os compradores”.
Arttística é un proxecto de Bubok, servizo para autoedición de libros do que colle prestado o seu espírito, pero adaptándoo ao eido da imaxe. Segundo conta Sergio Mejías, director xeral de Bubok, “a autoedición en calquera das súas manifestacións é o futuro, e a nosa aposta é ser líderes na autoedición cultural, ofrecendo as posibilidades para que os autores xa non estean suxeitos a asinar cunha editorial ou unha discográfica, senón que teñan un abano amplo de posibilidades para autoxestionarse, e Arttística é un paso máis nesa dirección”, sinala.
As persoas que queiran publicar e vender as súas fotografías só ten que inscribirse na web, “de forma totalmente gratuíta”, publicar as súas fotografías (o número é ilimitado) coa posibilidade de polas á venda en variados formatos e materiais: brillo, mate, papel, papel laminado ou tea, con tamaños que oscilan entre os 30 x 30 centímetros e 1,5 x 1,5 metros, “permitindo así a posibilidade de imprimir desde pequeno álbums a grandes cadros e pósters”, engaden os creadores deste servizo.
E conclúen: “Ademais, para aquelas persoas que xa teñan as súas fotografías nunha conta de Flickr, Arttística conta cunha funcionalidade que permite importar directamente as fotografías de Flickr a Arttística de forma sinxela para poder vendelas”.

PUBLICIDADE