En marcha unha campaña virtual para afianzar a presenza do oso pardo na nosa terra

xoves, 6 de xuño do 2013 Fernando Sarasketa

A defensa do noso medio ambiente faise forte na Rede. En certa maneira, a Internet é o elo da cadea que se precisaba: ese que cingue unhas cadeas con outras até o inimaxinábel. Ás actividades recentes a prol de conservar a nosa terra contra a megaminaría ou a loita contra o maltrato aos nosos cabalos salvaxes (ámbalas iniciativas aínda en curso, acadando importantes apoios na comunidade internauta mundial), cómpre engadir a que esixía o cese de fumigacións con pesticidas, que acadou grandes logros. Agora, temos outra mobilización en liña a prol do oso pardo, o urso, en tempos con importante presenza na nosa terra e agora situado nunha bifurcación de camiños: por unha banda camiño da súa desaparición definitiva das nosas comarcas do interior e pola outra o camiño dun afianzamento que pasa, de xeito inevitábel, polo apoio firme do Goberno galego. A buscar este apoio (e tamén o dos internautas), precisamente, diríxese a nova campaña da que estamos a falar.
A iniciativa, que se está levar a cabo en Change.org, xunta colectivos ecoloxistas, grupos de Internet e veciños das comarcas de Courel e Ancares, en Lugo. A través desta fronte común, están a reunir sinaturas en liña para forzar á Xunta a unha cambio de rumbo cara a unha meirande protección do noso urso (oso pardo), evitando que aquela ceda ás presións dos cazadores, das madeireiras e de políticos de diverso corte político que levan anos poñendo trabas ás iniciativas para coidar o asentamento e reprodución da devandita especie. O plan que se lle pide ao Goberno galego outorgaría até 60.000 hectáreas de zona protexida para o urzo, limitando a batidas de caza, retirada de lazos e axudas aos gandeiros. Os impulsores da campaña enviáronlle unha carta ao presidente da Xunta e o conselleiro de Medio ambiente para que manteñan ese plan e manteñen aberta a recollida de sinaturas a través de Change.org. Mentres se redactaba este artigo xa se recolleran 1.500 apoios, precisándose 3.500 máis.

PUBLICIDADE