En marcha unha campaña nacional para axudarnos a estar máis protexidos na Rede

luns, 30 de novembro do 2009 Fernando Sarasketa

A Rede non é propiamente un campo de minas, pero coma calquera espazo múltiple que dá acubillo a todo tipo de intereses e intencións (algunhas boas e outras non tanto), esixe para percorrela unha serie de recomendacións. Na liña de acadar que as nosas navegacións estean o menos suxeitas posible a incidencias do máis variado, o Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTECO) vén de lanzar a campaña I Secure Internet, iniciativa que coincide na súa posta en funcionamento co Día Internacional da Seguridade Informática que se conmemora hoxe en todo o mundo.
A devandita iniciativa ten como obxectivo axudar aos internautas para que as súas estancias en Rede estean o máis lonxe posible das diferentes ameazas que xorden, máis que da Internet en si mesma, da comunidade internauta que lle dá corpo e forma.
Por certo que os riscos son do máis variado: roubo de datos, abusos cibernéticos, virus, fraude ou roubo. Segundo conta o Instituto, na actividade poderán colaborar todas aquelas institucións e empresas que se comprometan en botarlle unha man aos internautas españois nas súas navegacións, sendo logo recompensados por INTECO cunha serie de beneficios, entre os que se contan labores de publicidade e de establecemento de ligazóns.

PUBLICIDADE