En marcha unha campaña galega para estender as boas prácticas relacionadas co teletraballo

xoves, 11 de febreiro do 2021 S. P.

Este mércores 10 presentouse oficialmente unha campaña para axudar a quen, por mor da pandemia e as restricións, teña que optar pola modalidade do traballo a distancia, apoiado nas novas ferramentas da comunicación. A iniciativa Teletraballa con prevención busca sensibilizar sobre os bos hábitos desta metodoloxía, segundo confirmou na súa presentación a xerente do ISSGA, María Adela Quinzá-Torroja, quen valorou que “esta medida organizativa serve de muro de saúde fronte á transmisión do virus” e, ao mesmo tempo, reduce a mobilidade e evitar a confluencia de persoas nun mesmo centro de traballo. Porén, dixo, é preciso que poñamos en práctica unha serie de pautas a seguir.
De feito, dixo, o teletraballo pode “afectar á saúde musculoesquelética ou mental debido aos longos períodos de traballo con pantallas de visualización, o illamento, unha maior inactividade física, os límites difusos entre traballo remunerado e vida privada ou o estrés”.
Por este motivo, a Xunta está a promover boas prácticas por medio da campaña Teletraballa con prevención, con especial atención á formación específica neste novo ámbito de riscos laborais e mediante a sensibilización de traballadoras e traballadores e de organizacións para acadar rutinas máis seguras.
O ISSGA (Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia), na súa condición de órgano encargado da execución e coordinación das políticas de prevención de riscos laborais deseñadas en consenso cos interlocutores sociais, está a facilitar as recomendacións e as medidas preventivas para que o teletraballo se desenvolva nas mellores condicións. Para iso, o instituto elabora documentación técnica e a difundir material en formato dixital para chegar á poboación traballadora por conta propia e allea.
O material da campaña ponse a dispor das persoas interesadas na páxina web do ISSGA, onde se pode acceder tamén a un vídeo explicativo dos bos hábitos para o desempeño do teletraballo en condicións de prevención e sen riscos innecesarios para a saúde.

PUBLICIDADE