En marcha un proxecto para materializar un Código de dereito galego en liña

xoves, 2 de xaneiro do 2014 Redacción

Exterior do Parlamento de Galicia en Santiago

A Universidade de Santiago, o Parlamento de Galicia e máis o Goberno autonómico anunciaron os días pasados que van colaborar para dar forma a un Código de dereito galego consolidado e en liña. Un Código, sinalou a institución académica compostelá, que se publicará en Internet e que será de acceso gratuíto. O proxecto é froito dun convenio asinado entre as tres ditas entidades e máis AMTEGA, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Segundo engade a USC, “abranguerase toda a normativa autonómica, desde o comezo da Autonomía ata a actualidade, dende as leis e decretos a normas de rango inferior que conteñan información relevante”.
O Código inserirase nun portal de índole xurídica, arestora en desenvolvemento, que dará acubillo a datos relevantes para o labor cotián dos profesionais do dereito, con ligazóns a outras bases de datos e boletíns oficiais e con novas sobre a actividade lexislativa autonómica e estatal.
Polo que atinxe ao papel que vai despregar o Parlamento de Galicia, centrarase en boa medida na elaboración do Código proporcionando “a infraestrutura e os recursos que podan ser precisos, facilitando o acceso aos seus fondos e arquivos documentais en materia lexislativa e poñendo a disposición do proxecto os seus servizos xurídicos e lingüísticos”.

PUBLICIDADE