En marcha un portal específico para facilitar as doazóns á Igrexa

mércores, 9 de novembro do 2016 Redacción

Esta semana, o luns, a Conferencia Episcopal presentou unha iniciativa innovadora dirixida a favorecer pola vía das TIC a achega de doazóns á Igrexa católica en España. Máis polo miúdo, a Conferencia deu a coñecer ante os medios estatais a web www.donoamiiglesia.es, un recurso dixital que, segundo fixeron saber os bispos, abre un camiño totalmente novo para a institución eclesiástica: o de impulsar, centralizar e axilizar as moitas e variadas (en cantidade, en finalidade) achegas dos particulares a través dunha única porta. Neste caso, unha porta dixital que dá acceso a outras moitas portas. De feito, entre as posibilidades do espazo en liña, fornécese a opción de especificar ao detalle cara a onde queremos que sexan destinados os nosos cartos. Por exemplo á parroquia máis próxima á nosa vivenda.
Segundo fixo saber a Conferencia na presentación da iniciativa, a posta en marcha desta responde non só a unha presenza cada vez maior da Internet no día a día dos fregueses e da cidadanía en xeral, senón tamén dos propios integrantes da Igrexa. De feito, os bispos lembraron ante os medios que na actualidade a gran maioría dos pagamentos da institución realízase a través da Internet, e de aí que se lles fornecese “a todas e todos os que queiran colaborar” a posibilidade de facelo pola vía mesma vía, “unha canle que destaca pola súa sinxeleza”. A web, desenvolvida pola compañía Indra e co apoio de Banco Popular, está dispoñíbel en todas as plataformas e, tamén, en galego (ademais de en castelán, catalán, éuscaro, valenciano e inglés).

PUBLICIDADE