En marcha un novo xogo virtual para favorecer a plantación real de árbores

venres, 10 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

Temos nova campaña nas redes sociais a prol da loita polo medio ambiente. A proposta vén da man dunha entidade sen arela de lucro, Sigaus, que centra a súa actividade na recuperación e reciclaxe de aceites industriais en España. A súa campaña materialízase nunha web propia e máis en redes sociais como Facebook, e ten feitura de xogo. Trátase, amais de achegar lecer e divertimento, de concienciar un pouco máis sobre a protección ao medio. Ao abeiro do xogo, poderase plantar e manter unha árbore virtual, que logo converterase en real, co nome dos gañadores.
A proposta, chamada Pranta Vida con Sigaus, obríganos a coidar a nosa propia árbore dixital poñendo en xogo algo máis que unha visita en liña. Deberemos realizar labores básicos de mantemento, como regala, podala ou aboala, así como responder preguntas sobre Sigaus e a natureza en xeral. Os primeiros xogadores que completen as etapas do xogo serán premiados cunha árbore real, xa afianzada na terra e lista para medrar, ao seu nome. Para que non teñan dúbidas sobre isto, achegáranselles fotografías de cadansúa árbore e máis os datos, a través de coordenadas GPS, do seu emprazamento.