En marcha un novo servizo para introducir nos negocios técnicas dos xogos: Wonnova

xoves, 19 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

O camiño do real ao virtual tamén ten a súa inversa. Ou sexa, que non só somos nós os usuarios os que construímos os escenarios dixitais: estes tamén estende os seus brazos. Nesta liña de influencia de ida e volta é onde se insire unha nova tendencia-metodoloxía dos negocios: a gamificación. Este novo termo (traducíbel se cadra como xoguificación) provén, como moitos antes, de Estados Unidos, e designa unha mestura de conceptos e procedementos: xogar como emprender, emprender como xogar. Entre as páxinas web que se dedican a informar deste novo xeito de facer empresa está Wonnova, que centra unha parte dos seus esforzos en estruturar técnicas de achegamento aos clientes como un xogo. “En tempos de crise”, sinalan dende a nova web, “a gamificación constitúe unha aposta que está a dar bos resultados”.
Como principal vantaxe a ter en conta, a técnica en cuestión é quen de motivar aos clientes e membros dunha empresa ofrecéndolles recompensas e desenvolvendo a súa creatividade. A aplicación da dinámica das consolas ao eidos da comunicación e da xestión empresarial tamén teñen potencial, informa Wonnova, para resolver todo tipo de conflitos, amais de “achegar máis interacción do cliente coa empresa, xa sexa a través do fornecemento de información ou de contidos de calidade”. A empresa en cuestión, que vén da man de José Ángel Cano (un dos fundadores da plataforma web de emprego Wiseri, onde xa se aplicaron técnicas semellantes), centra o potencial da metodoloxía en todo tipo de sectores: formación, automoción, saúde, gran consumo, etc. A ferramenta ten só uns días de actividade, pero segundo sinala Cano, conta xa co apoio dun feixe importante de grandes compañías, interesadas en aproveitar as feituras das estratexias das consolas para desenvolver e, sobre todo, para presentar e distribuír os produtos de seu. O punto a favor destes métodos é sen lugar a dúbidas a predisposición psicolóxica que temos para participar en xogos, ben sexa en xogar por xogar ou ben en tarefas como encher enquisas o descubrir novos produtos e servizos. Como exemplos de referencia, engádese, están dispoñíbeis propostas de gamificación como Farmville ou Foursquare, este último un servizo de localización web aplicada ás redes sociais e que, entre outras cousas, permite emprazar exacta e xeograficamente un trebello fixo ou móbil.Este xogo posibilítalle ao usuario marcar lugares específicos que vai atopando e ir gañando puntos descubrindo novos emprazamentos, recompensados logo cunha especie de condecoracións.

PUBLICIDADE