En marcha un novo portal para afianzar a comunicación entre científicos e estudantes de toda Europa

luns, 7 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

Que a ciencia está na Rede é un feito que case está fóra de toda dúbida. En certa maneira, non se entendería doutro xeito: investigadores de todo o mundo dándolle ás costas a unha ferramenta de comunicación e coñecemento que é como pór nun mesmo edificio laboratorios e demais. Este achegamento, precisamente, é o que pretenden os responsables de Scientix.eu, un novo portal que hoxe atopamos referenciado en Chuza! e que iría dirixido a facilitarlles o acceso a diversos materiais didácticos aos internautas que ademais de selo sexan científicos ou comunicadores das ciencias. A web, que centra o seu eido de acción no contorno europeo, tamén se pon a disposición das persoas que estean a piques de adoptar a carreira investigadora, facendo todo o posible por aumentar o número de aspirantes.
A plataforma é como se pode esperar algo máis que un Google do eido científico. Amais de que as buscas e o coñecemento achegado terán un carácter máis específico e útil (ceibando aos internautas da marea inútil de datos que Google achega: a gran maioría), cómpre engadir que se pon en xogo un novo factor: a posibilidade de efectuar. A información e as ferramentas que se acheguen abranguerán diferentes eidos da ensinanza e servirán para traer a todo tipo de internautas, dende os devanditos investigadores até pais de familias ou axentes locais.
O portal, que aínda non se ofrece en galego (só en inglés, francés, alemán, castelán, italiano e polaco), porá a disposición da Internet os principais resultados dos proxectos europeos de formación das ciencias apoiados pola Unión Europea ao abeiro do sexto e sétimo programas marco de investigación e desenvolvemento tecnolóxico. Asemade, subministrará obradoiros e servirá para convocar diversas actividades de ensinanza e comunicación en todo o eido europeo. Para comezar, organizarase a conferencia Scientix, programada entre os días 6 e 8 de maio do ano vindeiro co obxectivo de afianzar as canles de comunicación entre os membros da comunidade investigadora.

PUBLICIDADE