AOI

Deputación de Pontevedra

O noso boletín por e-mail conta xa con 3033 lectores. ¡Subscríbete!
Código Cero

Diario de Novas Tecnolóxicas de Galicia

En marcha un novo grupo empresarial para o impulso do software libre

xoves 11 de febreiro do 2010, por Fernando Sarasqueta | | Compartir | |

Cómpre pensar no software libre como algo máis que programación aberta, xeralmente máis económica e con meirandes posibilidades de adaptación ás particularidades de cada quen. O eido do open source vai a máis, e os sinais son claros dende hai tempo: ao seu abeiro hai xa un importante potencial de negocio, agora que os internautas xa non naceron onte e reclaman meirandes marxes de adaptabilidade, e agora que as empresas de toda índole se abren camiño polos baleiros que deixan as grandes multinacionais. Un destes sinais de medre é sen dúbida a alianza dixital do que nos fala Mancomún facendo referencia a información de CENATIC.
Falamos do Grupo Empresarial para o Desenvolvemento do Open Source, unha fronte de mercado creada por compañías españolas de software para a investigación, o deseño e a colaboración en iniciativas de coñecemento con capacidade para abranguer aquilo no que fallan as grandes corporacións: en ofrecer produtos e servizos máis accesibles para empresas e institucións públicas que, por uns motivos ou por outros (crise económica, presuposto privado reducido), non teñen marxe para botar man do que as multinacionais lles ofrecen. Este de ofrecer alternativas semella ser o gran valor que achega o Grupo: coñecemento e a posibilidade de transferilo como ben engadido e convertelo nun activo para as empresas usuarias.
A alianza, por certo, asume a marca Abanq G2 como propia de seu, identificándose Abanq cunha das tecnoloxías libres de xestión para empresas e entidades públicas de máis éxito dos últimos tempos. Os pasos que deron as firmas que forman parte do grupo (Calidae, Gestiweb, InfoSiAL, Isolix e KLO) na constitución do mesmo teñen un punto de partida común: o uso da devandita tecnoloxía. A partir de aí, todo foi un proceso de achegamento que culminou no pacto de colaboración que é o grupo. O seguinte paso será o de asumir proxectos máis grandes, combinando a experiencia individual no camiño de aplicar na vida real das empresas os mesmos métodos que se levan usando dende hai anos na comunidade de deseño de software libre internacional. Por certo que o grupo ten estrutura flexible, como non podía ser doutro tratándose dun grupo abeirado ao software libre, polo que están abertos a novas incorporacións.

 

Grupo Código Cero Comunicación, S.L.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

 RSS