En marcha un curso para achegar o cinema ás persoas con diversidade funcional

luns, 19 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

O cinema, tan importante para o desenvolvemento da expresión artística e da comunicación do pasado século, non foi (para que enganármonos) todo o xusto que debía coa ampla porcentaxe de poboación que non ten maneira de dar conta del e tirarlle partido, ben por ter problemas de audición, visión ou mobilidade, ben porque as linguas ou as lendas ofrecidas non eran as axeitadas. Paseniño e botando man dos recursos que ten ao seu alcance (que non soen ser moitos, comparados cos da industria do cinema), o eido da investigación vai poñendo en marcha iniciativas para corrixir a devandita eiva. Un destes proxectos vén da man da Universidade Carlos III e, como conta estes días Galicia Hoxe, diríxese a permitir a entrada plena no cinema, tanto no eido físico como nos demais, de persoas con diversidades funcionais ligadas á visión ou ao auditivo.
Con este fin e en colaboración coa Academia das Artes Cinematográficas, puxo en marcha un curso formativo para achegar as técnicas necesarias do cinema non excluínte.
Será no mes de setembro e afondará, ao longo de 250 horas, en técnicas como a audiodescrición (que se basea en tirar proveito das pausas nos diálogos para describir o que visualmente está a narrar nese intre a película en cuestión) o subtitulado (ideal para persoas con niveis de audición diferentes e que consiste en lexendar a banda sonora do filme: diálogos ou efectos sonoros, empregando cores para a identificación cos personaxes).
A actividade, como dixemos, vai dirixida a cubrir un oco técnico e social de xeito inexplicable ficaba aínda sen cubrir en España: o de permitir o achegamento pleno de tódolos cidadáns ao cinema. Asemade, baséase na necesidade de facer efectivo, de xeito real, o dereito á información do que tanto se fala está a falar co moito do afianzamento da Internet e os computadores, recursos que, por certo, tamén están mergullados nun proceso de inclusión de toda a cidadanía.
E isto, segundo conta a Universidade Carlos III, malia que a porcentaxe de persoas con diversidades funcionais ligadas ao sensorial chegue en España a unha cifra de dous millóns. Polo que respecta á exhibición en si mesma, a voz cantante semellan levala as salas Roxy-B de Madrid, en Fuencarral, que pasan por ser as primeiras de todo o Estado que proxectan de xeito continuado filmes subtitulados adaptados ou audiodescritos.

PUBLICIDADE