En marcha un concurso para os mozos desenvolvedores de aplicacións con vertente social: InnoApps
mércores, 7 de agosto do 2013
Falamos agora de
oportunidades de lanzamento para aqueles estudantes ou profesionais
que teñan boa man coa programación e o deseño e, ademais, pulo
solidario. Disto precisamente, de lanzar e de axudar a colectivos en
risco, é o do que trata InnoApps,
un concurso que reta aos desenvolvedores máis novos a deseñar
aplicacións móbiles innovadoras que fomenten a inclusión social. A
competición, que comezou a finais do pasado mes, é unha iniciativa
conxunta promovida por Huawei, Microsoft e o European
Young Innovators Forum (EYIF).
A competición está
aberta a estudantes universitarios e profesionais menores de 27 anos
que residan na Unión Europea. Esta iniciativa anímaos a afrontar un
reto de desenvolvemento co obxectivo de contribuír a unha sociedade
con maior grao de inclusión promovendo as habilidades tecnolóxicas,
incrementando a participación dixital e fomentando o espírito
empresarial entre os mozos. “A través deste concurso”,
comenta Leon Sun (presidente da oficina de comunicación de Huawei en
Bruxelas), “esperamos atraer o talento novo e ofrecerlles a
oportunidade de desenvolver as súas ideas e impulsar o seu espírito
empresarial”. Todos os mozos que queiran participar poderán
enviar os seus traballos ata o 8 de setembro de 2013. Unha vez
elixidos os gañadores, presentaranse nunha cerimonia en Bruxelas
durante a Global Entrepreneurship Weed, que se vai celebrar do
18 ao 24 de novembro. O gañador do primeiro premio recibirá 5.000
euros e gozará de soporte na comercialización e promoción da súa
aplicación. Os desenvolvedores que acaden o primeiro e segundo posto
visitarán o Centro de Innovación de Huawei. Ademais, e xunto co
gañador que seleccione o público, accederán a accións de
promoción para as súas aplicacións a través da Windows Store de
Microsoft. O seis finalistas recibirán formación técnica e de
mercadotecnia nun obradoiro en Bruxelas, así como promoción nas
páxinas web dos organizadores.
Lembrar que o European
Young Innovators Forum é unha fundación centrada na innovación
entre as novas xeracións de Europa. O seu fundador e presidente,
Kumardev Chatterjee, comenta ao respecto do concurso que “é de
vital importancia para o futuro de Europa e para saír da crise
actual, dotar aos mozos de oportunidades concretas e apoiarlles para
que asuman riscos en prol da innovación e o emprendemento”.
