En marcha un certame para premiar na UVigo as mellores achegas publicitarias, offline e dixitais

venres, 9 de xaneiro do 2015 Redacción

O certame We Are Ads (WAA) é unha iniciativa posta en marcha no Campus de Pontevedra (UVigo) para recoñecer os mellores traballos publicitarios do alumnado universitario galego. O concurso, impulsado un grupo de estudantes do grao en Publicidade e Relacións Públicas, ten aberto até o último día de xaneiro o prazo para a presentación de achegas. O festival en si mesmo celebrarase entre o 2 e o 5 de marzo na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que acollerá eses días obradoiros e conferencias, así como unha gala de entrega de premios aos mellores traballos. O festival está aberto a proxectos de estudantes da UVigo e estes poden presentar achegas a título individual ou en grupo. Hai oito categorías: identidade corporativa, gráfica publicitaria, cuña radiofónica, vídeo comercial, páxina web ou blog, acción de relacións públicas, trailer ou teaser, aplicación para dispositivos móbiles e fotografía publicitaria.
Segundo informan os responsábeis da actividade, amais dun recoñecemento aos mellores traballos en cada unha desta modalidades, WAA contará con outras dúas distincións nas que se premiará ás propostas máis salientábeis de calquera categoría, o premio do xurado, que integrarán profesionais do sector, e o premio do público, que se decidirá polas votacións que efectúen aquelas persoas que se acheguen á exposición que se levará a cabo na Casa das Campás. Co obxectivo de animar á participación do alumnado, o colectivo organizador anuncia que nas vindeiras semanas levará a cabo diferentes iniciativas na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
Como dixemos, entre o 2 e o 5 de marzo, WAA xuntará no devandito centro a un bo número de profesionais do sector da comunicación coa idea de que amosen aos estudantes as súas experiencias a través de coloquios, obradoiros ou seminarios. O programa do festival completarase o xoves 5 coa Gala WAA, na que se entregarán os diferentes premios.

info portfolio

PUBLICIDADE