En marcha un centro de traballo para que os formadores se formen en TIC colaborativas

luns, 9 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

Unha nova aula innovadora para formar a formadores, en innovación e tecnoloxías docentes. Este é o cometido principal do Workspace, espazo para o intercambio de coñecemento e capacidades posto en marcha pola Consellería de Cultura e Educación no Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI). O centro, un laboratorio de ideas, bebe das fontes das filosofías do traballo cooperativo e mesmo do movemento Maker.
Nel, o profesorado gozará da oportunidade de idear proxectos para poñelos en práctica antes de aplicalos á dinámica da aula cos seus alumnos.
Terán ao alcance da man (entre outros recursos) impresoras e escáneres 3D, kits de robótica, programación na placa libre Arduino, robots e gravadoras-cortadoras láser, entre outros moitos aparellos para desenvolver propostas, perfeccionalas e compartir coñecementos.
Esta é unha das principais novidades docentes que se inclúe no Plan Anual de Formación do Profesorado 2018/19 de cara ao vindeiro curso que hoxe presentou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez.
O conselleiro cualificou de “totalmente revolucionario” o Workspace presentado esta mañá, “unha aula integral na que se xuntan unha zona de traballo e outra para afondar en novas metodoloxías de ensino”. Segundo fixo saber, a previsión é que os Centros de Formación e Recursos (CFR) da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo contén cun espazo de ensino e experimentación semellante para a formación do profesorado na súa área competencial. Arestora fica aberta unha convocatoria para a incorporación de Espazos Maker de xeito inicial a modo de experiencia piloto en dez institutos.

PUBLICIDADE