En marcha un blog para recadar apoios en contra da visita do Papa

mércores, 14 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

Non todo van a ser benvidas á visita papal preparada para o vindeiro mes de novembro, e máis cando xa se sabe o que vai custar cubrir a súa estadía de oito horas en Santiago: 4 millóns de euros. Pois ben, por estas razóns ou por outras diferentes, estase a crear (de xeito paralelo ao entusiasmo que espera a visita de Bento XVI en certos eidos da nosa sociedade) unha fronte social de rexeitamento, fronte que como era previsible xa ten o seu reflexo e o seu impulso na Rede. Máis polo miúdo a través de Eu non te espero, un blog que reproduce o epígrafe que acompaña ás bandeiras de desacordo que se están a distribuír en Compostela.
O blog, sinxelo e aínda recente, fundaméntase en ofrecer unha visión crítica dos feitos (a chegada do sumo pontífice, o que esta significa, o que custará) e na busca de apoios para amosar de xeito colectivo na Rede o devandito rexeitamento, máis polo miúdo a través da recollida en liña de sinaturas.
A web, á que chegamos vía Chuza!, vai camiño xa dos 300 apoios, algúns deles –a xulgar polos comentarios incluídos- especialmente críticos coa devandita cantidade de cartos destinada, á que (sinalan) ben se lle podería dar outro uso, por exemplo á hora de satisfacer as necesidades alimentarias inmediatas dun importante número de cativos do continente africano.

PUBLICIDADE