En marcha os cursos en liña para a obtención do certificado básico de coñecemento do galego

martes, 5 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

A Secretaría Xeral de Política Lingüística puxo en marcha este luns 4 de abril as súas actividades formativas en liña para a obtención das certificacións de lingua galega no nivel Celga1. En total, falamos de tres cursos telemáticos destinados a cubrir as necesidades de máis de 150 persoas. As actividades ficarán activas até o vindeiro 15 de xuño. Cada unha delas, informa Política Lingüística, inclúe 10 unidades didácticas de traballo abranguendo tódalas competencias básicas sobre a aprendizaxe e manexo do noso idioma. Falamos de expresión e comprensión oral e escrita.
Cada un destes dez elementos incorpora, á súa vez, 50 actividades artelladas en tres bloques. O gran obxectivo dos organizadores é que os cursos en cuestión fosen útiles á vez que doados. O seu alicerce incorpora a supervisión e asesoramento dun titor xunto co emprego de recursos audiovisuais e ferramentas lingüísticas tecnolóxicas. A plataforma virtual habilitada conta cun foro interno de opinión e de debate para o alumnado.
Segundo fai saber a Secretaría Xeral de Política Lingüística, as actividades forman parte da súa oferta de formación en liña para este ano, que tamén abrangue os primeiros cursos de linguaxe administrativa galega, un total de 13, encamiñados á formación no noso idioma do persoal da Administración pública de Galicia.

PUBLICIDADE