En marcha o mapa dixital dos medios galegos

venres, 27 de xaneiro do 2017 Redacción

A xornalista e investigadora Cruz Negreira vén de lanzar un proxecto para cartografar dixitalmente os medios da nosa terra. A iniciativa de seu, que se desenvolve ao abeiro da Bolsa Nacho Mirás para Novos Titulados, chámase MediaMapa.gal e xa podemos consultala na Rede, accedendo a recursos como o Mapa dos medios galegos e a unha manchea de servizos informativos análogos (cartografías e directorios) sobre a profesión comunicadora en Galicia e no resto do Estado. Segundo fai saber Cruz dende o portal do proxecto, estamos ante “un espazo web adicado ao coñecemento da realidade mediática galega que ten como obxectivo achegarlles aos profesionais, investigadores e ao conxunto da cidadanía unha ferramenta útil e sinxela para explorar os medios de comunicación galegos”.
O recurso máis referencial do sitio é o devandito Mapa dos medios galegos, no que se dá acubillo a todas as iniciativas de comunicación activas na Comunidade a través dun mapa interactivo. Nel, os usuarios podemos atopar e coñecer as características básicas destas iniciativas e acceder, tamén, a cada unha delas.
MediaMapa.Gal é un proxecto promovido por Cruz Negreira, xornalista e doutoranda en Comunicación e Información Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela. A día de hoxe centra unha boa parte dos seus esforzos no “desenvolvemento dos medios de proximidade na Rede”, máis polo miúdo dos “hiperlocais”, tanto galegos como do resto do Estado. En MediaMapa.Gal difunde parte destes resultados, inseridos á súa vez noutros proxectos realizados no grupo de investigación Novos Medios da USC.

PUBLICIDADE